viernes 28 de octubre de 2011

Homes de pedra

Hoxe líamos a nova de que o concello de Castrelo do Val se opón ao traslado ao Museo Arqueolóxico de Ourense da estela ou estatúa da Idade do Bronce que foi atopada e presentada hai uns meses e da que xa falamos neste blog.

Precisamente hai uns días, o meu colega de departamento Fermín Pérez, impartía unha conferencia sobre o “Valor simbólico do patrimonio arqueolóxico”, na que remarcaba o feito de que hoxe o Patrimonio Cultural é un patrimonio edificado, sobre valores como a súa significación simbólica, que vai máis aló do dato erudito o do seu valor como documento histórico. As veces, as “pedras” non son pedras, senón símbolos, que falan de “nós mesmos”. O pasado recíclase no presente a adquire novos significados que o fan máis presente e máis próximo do que normalmente se pensa. Dende o primeiro momento, en Castrelo do Val xurdiron voces de empatía que alimentaban o valor dese resto arqueolóxico…

Non son unha gran coñecedora das leis, pero efectivamente o Museo pode reclamar a peza a través de Consellería de Cultura e coa lei na man converterse en depositaria da peza, rexistrala e inventariala como dominio público.

Pero penso que hai unha solución intermedia da que ninguén está falando. Que aínda sendo o Museo o que tutele esa peza, se poda conseguir que a deixe en Castrelo do Val en concepto de depósito temporal. A ubicación definitiva é decisión da Consellería de Cultura.

Se supón que a lexislación require a garantía das condicións de seguridade e conservación da peza, polo que o lugar onde estivese debería reunir as condicións para a súa salvagarda, conservación e exposición.

O Museo de Ourense está pechado, e de momento so ten unha sala de exposición temporal en San Francisco, polo que os argumentos irían máis a favor do que comento.

A arqueoloxía ten reflexionado nos últimos anos sobre a función social do patrimonio cultural e sobre o papel que cumpre na sociedade actual. A lei pode prevalecer, pero para moitos isto pode ser lido en termos de “incautación”. Anos de traballo para acercar a arqueoloxía ao público, e o público á arqueoloxía, no reciben sustento con cousas como esta. A decisión terá consecuencias na imaxe social da arqueoloxía, na súa relación coa sociedade, e dende logo no posible achado de novos bens… destas cousas non sairá indemne. E penso que estabamos no camiño, no bo camiño…

Sempre priorizaremos a adecuada salvagarda da peza, aspecto que non dubidamos terá todas as garantías no Museo Arqueolóxico de Ourense co que colaboramos dende hai anos. Porén, e aínda que non sirva de moito, dende o blog do Proxecto Urdiñeira, queremos deixar constancia de que unha solución intermedia como a proposta, semellaría para nós a máis adecuada. Tamén ofrecemos a nosa colaboración desinteresada dende a universidade no asesoramento dun posible proxecto de musealización ó Concello de Castrelo do Val.

Una vez díxome o colega Miguel Losada que quizás o saber das xentes que saben “dos homes de pedra” podería permitirnos asomármonos ás paisaxes como a do bronce na Urdiñeira, e o ben que nos faría como sociedade o coñecelo. Non perdo esa idea.

De nada nos vale levar ós museos homes de pedra… se perdemos ós de carne e oso.

5 comentarios:

  1. Efectivamente, tutela non debería ser sinónimo de apropiación. Resulta realmente triste que en moitos casos o significado de "inventariar como dominio público" por parte dun museo sexa "gardar nun almacén e que non volva ver a luz do sol".

    É certo que se debe garantir a conservación e seguridade do patrimonio arqueolóxico (como as de calquera outro patrimonio adxectivado); pero a verba patrimonio xa leva implícito o máis importante dos seus adxectivos: patrimonial, herdado. O patrimonio non deixa de estabelecer conexións entre os de onte, os de hoxe e os de mañá.

    A intención do MAPOu é comprensíbel dende a óptica dos vellos museos e, dende o meu punto de vista, comparábel co comportamento das antigas comisións de monumentos que, coa súa visión elitista e xacobino-centralista da cultura, absorbían o patrimonio arqueolóxico reconducíndoo cara á cidade, onde a intelixencia do "home pneumático" aprezaría os seus valores ben mellor que a superstición ignorante da xente rústica, dos "hílicos".

    Porén, disque esa visión mudou. Habería que ver até onde?

    Pola súa banda, a postura da xente de Castrelo do Val non é nova. É a mesma postura que durante moitos anos teñen manifestado xentes de todo o país cando a intelligentsia tentou arrebatarlles algo que consideran unha herdanza. En Galiza hai casos e casos de achados dos que unicamente resta na memoria da comunidade que máis vencellada estaba, cando menos xeográficamente, con eles aquilo de "viñeron unhas xentes e levárono para a capital... e non volvemos saber ren...".

    Porén, disque a visión mudou.

    Mais, se mudou, entón lóxico será buscar a vía intermedia que se propón dende o artigo. O museo, como tutor, verá asegurada a conservación e seguridade da peza, o cal supoño que é a súa principal preocupación (se non é así entón é que volvemos aos hílicos, psíquicos e pneumáticos, se non peor). E, pola súa banda, a xente de Castrelo do Val conserva un elemento máis do seu patrimonio que, ademais da conexión, ao través dun proxecto de musealización pode converterse en elemento dinamizador dos de hoxe e dos de mañá.

    Secudo totalmente a afirmación coa que o artigo pecha. Ou, máis ben, abre. Abre unha realidade que moitas veces foxe da visión daqueles que, sen intención, abandoaron a historia pola burocracia.

    ResponderSuprimir
  2. Concordo totalmente Bea, precisamente discutíramos che isto o Miguel e eu em um dos meus bloges, ademais a parte do valor que tem deixar o património no seu próprio contexto local (com todas as garantias e tutelagens lógicas) que permite entende-lo no seu meio e crear laçoes entre a comunidade local e os restos do seu pasado, aparte de isso aqui se une com bem sabes um segundo elemento, como é o feito de que o Museu provincial ao que vai a parar a PedraAlta, leva vários anos fechado e em obras. Polo que o seu destino polo momento longe de ser exposta como merece (e como aspiravam a faze-lo no seu lugar de origem os seus vezinhos -os da pedra-) vai ser o de permanecer embalada e armazenada como outras muitas peças do Museu Provincial a espera de que be uma vez se solucione esta situação

    Que ante esta cojuntura a primeira opção por parte dos técnicos e pode que quase unica fora reclamar por defeito a peça e não deixa-la estar ainda que fora temporalmente na sua bisbarra da ideia da "rotinização" a que podem chegar os processos administrativos neste eidos do Património e de como esta rutina acrítica e mecânica pode chegar mesmo a ser fundamente contraproducente coa propria Posta em Valor e "virilização" (neste caso literal) desse Património que pretende garantir

    ResponderSuprimir
  3. Errata: "Visibilização" por "virilização", olho que não foi o subconciente freudiano pola forma da pedra, senão uma mala jogada do corretor ortográfico e da minha maltratada vista. Desculpas pola gralha/s ;-)

    ResponderSuprimir
  4. Sem ter que ver diretamente coa PedraAlta pero sim relacionado coa relação entre a gente, o património que há a seu redore e a forma de gestionar esse património (de cote de costas a gente) por parte da administração postei vai uns meses um vídeo duma nova no que se entrevistava a a varias pessoas (tanto moços como velhos) da aldeã do Castromão:

    http://ahoradosmouros.blogspot.com/2011/09/historias-da-austeridade-castromao.html

    ResponderSuprimir
  5. Opinando coma o profano que son nestes terreos, coido coincidir en que se ben a xestión do patrimonio arqueolóxico queda en mans do ente público, non así ese "símbolo" da Urdiñeira debe quedar en mans dos burócratas e axentes que o pretenden deshumanizar. Xestionar pasa tamén por preservar e conservar, ante todo, o contexto no cal a peza encádrase. Se o Museo Arqueolóxico quere librarse da súa imaxe de Lord Elgin aínda está a tempo.

    ResponderSuprimir

O foxo do Boqueiro (Urdiñeira 3)

A Cova das Choias (2)

A Urdiñeira (1)