
No marco do curso de extensión universitaria Castros de Interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo Limiao que se celebra en Xinzo estes días, vimos de presentar a ponencia Dinámicas de poboamento pre e protohistórico na Terra das Frieiras e Veiga de Riós: unha proposta.
A nosa proposta de partida é que o xurdimento do poboamento estable na Idade do Ferro ten a súa orixe nas dinámicas de control de recursos xurdidas durante as fases finais da Idade do Bronce e que deixaron indicios arqueolóxicos na paisaxe que inciden na marcación simbólica do territorios e as súas fronteiras.
Nunha perspectiva de longa duración, tratamos dos diferentes mecanismos de representación do poder e a súa fixación ao territorio.
Xa para finalizar a presentación, presentamos este "curto doméstico" sobre un "ritual" de representación do poder e apropiación do territorio na mentalidade do século XV.
Está baseado no traballo de documentación desenvolvido por Beatriz Vaquero Díaz (UVigo). O contido é un anaco do documento sobre a toma de posesión das Frieiras que o escudeiro Alvaro de Nogueirol fail en nome de Pedro Henríquez, señor de Viana.
As ilustracións son de Abraham Herrero Menor, alumno do máster en Historia, Patrimonio e Recursos Patrimoniais da Universidade de Vigo, que actualmente desenvolve un proxecto de fin de máster titulado Un achegamento ao emprego de recursos audiovisuais na divulgación do patrimonio arqueolóxico galego. .
Pretendemos tamén reinvindicar deste xeito a experimentación sobre novas formas e linguaxes para a implementación do discurso histórico.

0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada