
Remataron.
Dúas semanas de prospección pola serra da Urdiñeira.
Bea, Alex, Marta, Cristina, Victor, Luis, Lois e Pepe.
Patrolnautas polas infindas corredoiras cheas de historia e lendas, fragas habitadas por mouras, fontes nas que aboian moedas e tellas de ouro, tesouros soterrados... camiñantes por un pasado que resoa nun presente en vías de extinción, un presente que nos chega como un estertor segundo se van esvaecendo as voces dos nosos vellos.
"Os mouros, os mouros viviron aquí moitos anos", e deixáronnos unha terra farturenta na que e coa que soñar. Unha terra na que todo ten unha razón de ser, todo ten unha historia que contar, dende a fraga máis grande á pedriña máis pequena. Ecos dos pasos daquela moura que, soterrada no máis fondo do noso imaxinario colectivo, se peitea con peite de ouro á espera de que, valerosos, nos achegemos e fendamos o feitizo que a liga a esta terra material e poida xuntarse coa súa xente, non sen antes deixarnos un tesouriño.
Foron dúas semanas nas que me redescubrín, nas que constatei que me encanta a arqueoloxía, que me encanta a prospección. Descubrín unhas paisaxes que nunca imaxinara poder atopar onde as atopei; logo de anos atopando fendas asfaltadas que crean sucos nos montes para logo entestarse en viaductos cegadores de vales, pousei os ollos no chan e o chan cegoume coa súa beleza e embriagoume co seu aroma.
Pero non só o chan me embriagou. Ademais, descubrín que me gusta, que me encanta, que adoro... mellor, isto gárdomo para min, e como se adoita dicir "quen queira entender, que entenda".
Parafraseando, daquela maneira, a Rosalía:
Adiós Riós, adiós Pentes,
adiós cavancos pequenos,
adiós Gudiña dos meus ollos
non sei cándo nos veremos.
Espero que pronto
(publicado no Facebook por Abraham)