lunes 26 de octubre de 2009

Os nomes dos lugares: Proxecto Toponimia de Galicia


Esta é unha foto tomada durante a prospección á entrada do lugar de Mirós, na Parroquia de Santo estevo de Trasestrada (Riós).
Fala por si sola. Outra vaca no millo!
A verdade é que nunha prospección arqueolóxica moitas veces o mellor camiño e non facer caso da toponimia que aparece nos mapas... nin nas estradas.... sobre todo cando andamos a procura dos nomes máis "pequenos".
O mellor é preguntar, ou iso é o que normalmente facemos.
Pero hai quen xa pasou o traballo de preguntar por todo: polos lugares, polos camiños, polas fontes, polos ríos, polas fragas....
De falar coa xente, de escoitar os nomes das cousas e ubicalos na foto aérea seguindo as máis novas tecnoloxías para xeoposicionamento e do que nos van falar o próximo día 28 de Outubro, na Facultade de Historia de Ourense (12.30 h, aula 3.4 do edificio de ferro) Xermán García Cancela e Vicente Feijóo. Veñen contarnos o Proxecto Toponimia de Galicia, un proxecto a medias entre a xeografía, a etnografía, a historia e a filoloxía. Un proxecto a medias entre as xentes a paisaxe, entre o pasado e o presente, entre a memoria e o futuro...
Esperamos ter moitos "mirones"!

miércoles 7 de octubre de 2009

Urdiñeira: na procura da historia, da paisaxe e da maxia dunha serra



O pasado fin de semana, o noso colega e compañeiro de fatigas na Urdiñeira, José Rodríguez Cruz (Pepe para os amigos), publicou na revista Auria un pequeno traballo sobre os traballos desenvolvidos no marco do proxecto, titulado: Urdiñeira: na procura da historia, da paisaxe e da maxia dunha serra . Cando sexa posible consultar a revista na súa versión dixital, engadiremos o link.
De momento aproveitamos para amosar publicamente o noso agradecemento a Pepe Cruz, non só pola súa axuda, senón por todo o entusiasmo que transmite e o pulo que supuxo para todo o equipo.
(Na foto abaixo, o grupo da primeira semana. Comenzando pola esquerda: Bea, Abraham, Víctor, Pepe Cruz, Alex, Marta e Cristina).


miércoles 16 de septiembre de 2009

Algo se coce na pucheirela

Namentres se coce o informe oficial da prospección, en Riós andan a cocerse outras cousas. O último día, falando coa señora Vicenta, que estaba de domingo tomando un aperitivo coa familia, contoume unha historia que escoitara de nena no seu lugar de San Pedro de Pousada, na parroquia de Progo, onde hai un fermoso souto con árbores que deben andar polo milenio. Alí hai un enorme foxo escavado na rocha feito polos mouros, segundo nos dixeron. A ese castro chámanlle As Cabarquellas, pero alí abaixo, onde o río, alí non querían ir os meniños, porque contaban que en tempos, se perdera unha nena.


A Vicenta estaba de domingo, moi guapa, coa familia. Falamos de Riós, da xentiña, dos montes e das fragas, tamén do bo invento que é a lavadora… pero de repente interesoulle continuar aquela historia da nena e mudoulle a voz…



Alí andábamos ao estrume, pero eu non quería ir. Nin quería mirar para alí dende a casa dos meus avós. Porque contaban que a mai da meniña perdida chamaba por ela…Maruxiña, Maruxela!, Maruxiña, Maruxela!.... entón escoitábase unha voz alí nas Cantariñas que respondía:



Maruxiña, Maruxela, coce na pucheirela!

viernes 11 de septiembre de 2009

A hipótese do "carallazo"

Deberíamos comezar polo principio, polo lugar, o anaco de terra, pedra e auga. Algúns chámanlle a Serra. Outros so danlle categoría de Monte. Pero para todos é a Urdiñeira, un singular escenario.

Nos andábamos a explicarnos a paisaxe apuntando diversos axentes modeladores para a formación deste relevo: o xeo, a auga, o vento…




Pero para as xentes da Urdiñeira existe unha cosmoloxía práctica que explica a orixe deste lugar. Contóunolo un veciño de Parada da Serra. A hipótese é que caeu un meteorito, meteu “un gran carallazo” nos altos e as pedras rodaron polo monte abaixo.

A medias entre o mito e os libros de ciencias, esta é a teoría do gran carallazo ou o Big-Bang da Urdiñeira. O inicio de todo o acontecido nesta terra.

jueves 10 de septiembre de 2009

Andai, andai!

Xa estamos de volta. Os das Ferreiras despedíronnos coa sua singular fala: Andai, andai!
A chegada ao asfalto en Ourense foi para esquecer, pero chegamos.
Nos próximo días iremos subindo ao blog algúns dos mellores momentos da Urdiñeira. A nosa idea era facelo antes, pero una conexión de 56 kb non da para para tanto tránsito...
(...en falando de tránsito, ao alto da Urdiñeira, na foto, xa subemos nos...).

domingo 6 de septiembre de 2009

Memorias dunha prospección (por Abraham Herrero)




Remataron.
Dúas semanas de prospección pola serra da Urdiñeira.
Bea, Alex, Marta, Cristina, Victor, Luis, Lois e Pepe.
Patrolnautas polas infindas corredoiras cheas de historia e lendas, fragas habitadas por mouras, fontes nas que aboian moedas e tellas de ouro, tesouros soterrados... camiñantes por un pasado que resoa nun presente en vías de extinción, un presente que nos chega como un estertor segundo se van esvaecendo as voces dos nosos vellos.

"Os mouros, os mouros viviron aquí moitos anos", e deixáronnos unha terra farturenta na que e coa que soñar. Unha terra na que todo ten unha razón de ser, todo ten unha historia que contar, dende a fraga máis grande á pedriña máis pequena. Ecos dos pasos daquela moura que, soterrada no máis fondo do noso imaxinario colectivo, se peitea con peite de ouro á espera de que, valerosos, nos achegemos e fendamos o feitizo que a liga a esta terra material e poida xuntarse coa súa xente, non sen antes deixarnos un tesouriño.

Foron dúas semanas nas que me redescubrín, nas que constatei que me encanta a arqueoloxía, que me encanta a prospección. Descubrín unhas paisaxes que nunca imaxinara poder atopar onde as atopei; logo de anos atopando fendas asfaltadas que crean sucos nos montes para logo entestarse en viaductos cegadores de vales, pousei os ollos no chan e o chan cegoume coa súa beleza e embriagoume co seu aroma.
Pero non só o chan me embriagou. Ademais, descubrín que me gusta, que me encanta, que adoro... mellor, isto gárdomo para min, e como se adoita dicir "quen queira entender, que entenda".

Parafraseando, daquela maneira, a Rosalía:

Adiós Riós, adiós Pentes,
adiós cavancos pequenos,
adiós Gudiña dos meus ollos
non sei cándo nos veremos.

Espero que pronto


(publicado no Facebook por Abraham)

sábado 29 de agosto de 2009

Comezamos polos altos









O primeiro día comezamos polos altos da Urdiñeira, a mirar nas fragas e a baixar "chouchando".

A Cova das Choias (2)

A Urdiñeira (1)